Discurso de Clausura do Alcalde – 2015
«Medalla da Cidade, Pregoeiro, Viguesas e Vigueses de honra, autoridades, miñas donas e meus señores,
Vigo, cidade do mar, foi quen de abrir o seu propio camiño de prosperidade a través de séculos e dos avatares da historia.
Vigo foi quen de abrir o seu propio camiño no Vigo das épocas castrexas que hoxe nos observa desde a súa atalaia do Castro, e no Vigo romano, aquela Burbida, que nos abraza desde a vila de Toralla ata as salinas do Areal.
Vigo foi quen de escribir as nosas propias páxinas nas épocas do Vigo románico da Idade Media, coas súas igrexas en Castrelos, Coruxo, Bembrive, con olivares que xa volven a poboar a cidade, e cun incipiente comercio pesqueiro que se botaba a navegar desde a ribeira do Berbés.
Foi tamén no Vigo da Batalla de Rande, das murallas e do Castelo de San Sebastián, no nacemento do comercio e da sardiña, ou na alta Idade Media e nas Ondas do Mar de Vigo que versaba Martín Códax.
Abrimos as portas, as portas no Vigo decimonónico, aquel Vigo que se converteu na primeira praza europea en liberarse de xeito permanente da invasión napoleónica; e tamén no Vigo do crecemento portuario, das comunicacións marítimas con América, do primeiro ferrocarril, das incipientes factorías de salazón e produtos de mar; aquela cidade que en 1880 fundaba a súa Caixa de Aforros de Vigo que tanto e tan bo papel xogou na cidade. Vigo esquiva os silencios interesados do relato secular e reivindica o que somos: unha cidade con historia, con prolífica e dilatada traxectoria, erguida pola vontade, responsabilidade e autonomía dos vigueses e das viguesas. Entón e agora, Vigo foi quen de definir o seu destino, de librar e saír vencedor das súas causas xustas, antes contra os ataques dos piratas turcos ou do mesmo Francis Drake, contra a invasión napoleónica e hoxe e sempre contra a inxustiza, o desemprego, a desigualdade. Hoxe e sempre, en contra da inxustiza e da desigualdade. O bo facer dos vigueses e das viguesas, o seu esforzo e talento, a súa capacidade de emprendemento e o compromiso co desenvolvemento de Vigo, na Galicia que queremos, que marcaron e marcan cada unha das distintas etapas históricas que Vigo superou con notable éxito, e debuxan o paso co que seguir progresando ata ocupar o espazo que nos correspondeu, corresponde e correspondería na nova Galicia e na nova España. Son rasgos que forman parte da cultura viguesa, pegadas no noso camiño, sucos na terra e estelas na mar, vocación inconformista, carácter loitador e solidario. Porque Vigo, agora máis solidaria que ningunha cidade de España. A historia de Vigo atopámola reflectida en poboados castrexos, vilas e salinas romanas, en igrexas románicas, en castelos e infraestruturas, na nosa cultura, no noso porto de Vigo, nas factorías de conservas e de automoción, no noso corazón e na nosa alma. Mais tamén observamos Vigo nos ollos de homes e mulleres que aglutinan os ensinos do pasado e as virtudes do presente, a solidariedade e o emprendemento, o verde e o azul, persoas, a montaña e o mar, persoas que coa súa voz e obra definen o noso porvir no novo século como cidade puxante en Galicia e España. E con Vigo, sempre as xentes. AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia, Vigués Distinguido 2015, con máis de vinte anos de traxectoria levando luz ás conciencias, calor e estímulo aos enfermos e aos seus familiares e amigos. Carlos Mañas, Vigués Distinguido 2015, vigués de elección, mestre na publicidade e no marketing dentro e fóra das aulas, escritor, pero sobre todo activista social a prol da tolerancia e da solidariedade. Emilio Suárez, Vigués Distinguido 2015, dominico e glosado polos seus propoñentes como loitador desde a década dos 70, loitou polos dereitos e liberdades dos cidadáns.O Irmán José Bailón, Vigués Distinguido 2015, vigués de vocación, xesuíta, que abre camiños desde a educación, desde os comedores escolares, facilitando a cobertura das necesidades básicas e as oportunidades dos máis pequenos. O Hospital Meixoeiro de Vigo, Vigués Distinguido 2015 no seu vixésimo quinto aniversario, centro chamado entón a paliar o crónico déficit asistencial da área de Vigo, hospital que hoxe emprega a tantos magníficos profesionais da sanidade, sempre comprometidos coa atención e benestar de toda a cidadanía. E a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Vigués Distinguido 2015, paraugas baixo o que todos e todas nos sentimos amparados, exemplo de loita xusta por unha asistencia sanitaria pública e de calidade, de todos e para todos. Vicente Allo e Vanesa Lage, Vigueses Distinguidos ano 2015, Vanesa tristemente a título póstumo, que deixan a vida na defensa dos cidadáns de Vigo. A Vicente e Vanesa, pola súa xenerosidade e heroismo, e por todos aqueles que elevan cada mañá a bandeira do servizo público. De corazón, no meu nome propio e no de todos os vigueses e viguesas, grazas. Os Vigueses Distinguidos en 2015 aglutinan virtudes sobresaíntes que merecen o recoñecemento da súa cidade. Todos e todas exemplifican os valores históricos e propios de Vigo, homes e mulleres nos que poder identificarnos e identificar os camiños que transitar unidos para seguir construíndo o Vigo do presente e do futuro, o Vigo que queremos. E ahí, neste importante papel, temos ao noso lado ás empresas do sector da automoción, Medalla da Cidade 2015, cos seus milleiros de traballadores e traballadoras á fronte, facendo de Vigo a referencia nacional e internacional nun área económica central no mundo globalizado do século XXI. As factorías viguesas xurdiron baixo a aparición da planta de Balaídos de PSA Peugeot Citroën, e mais souberon cos anos e a experiencia lograr a excelencia necesaria para diversificar e ser competitivos internacionalmente. E a puxanza internacional da fábrica viguesa de Citroën ten o futuro garantido grazas a todo o apoio de toda a cidade prestou. Este liderado vigués na automoción española e europea, consolidado durante décadas e con tanto ou máis futuro por diante, arraiga na cultura viguesa, na do cluster do emprendemento, da autonomía e da responsabilidade. Responsabilidade, emprendemento e autonomía; compromiso, talento e solidariedade. Liñas que vehiculan o Vigo de onte, o de hoxe e o de mañá; esencias dos Vigueses Distinguidos de onte, hoxe e mañá. Camiños percorridos e por percorrer, os de todo Vigo, os de todas e todos as viguesas e vigueses. Distinguir ás nosa figuras, defender os nosos valores, desde Vigo para Galicia. Reivindicar o noso pasado para revalorizar o noso presente e impulsar o noso futuro. O de todo Vigo. Con responsabilidade e con determinación. Vigo, historia feita, historia por facer. Viva Vigo!»
Leer máis
Abrimos vías ao desenvolvemento no Vigo do século vinte, que naceu ao abrigo das Illas Cíes con 15.000 habitantes e arribou con 300.000 vigueses e viguesas de hoxe, orgullosos da súa cidade moderna e innovadora, da cultura, do deporte, da economía e da internacionalización activa e solidaria, do Vigo acolledor, do Vigo solidario que máis atenden aos que máis o necesitan e que todos e todas queremos.
Ventura Pérez Mariño, pregoeiro, figura das ideas e da cultura, alcalde de Vigo, traballador incansable pola nosa cidade, home xusto e da xustiza, aplicándoa desde a maxistratura e nos xulgados e tamén na labor social que hoxe desempeña en contra da desigualdade, en favor da cohesión social, en favor das familias máis castigadas pola dureza desta crise asasina.
Temos superado na historia enormes dificultades e afrontamos por diante retos maiúsculos que, coa forza dos nosos valores, e unidos, sempre unidos, superaremos unha vez máis.