Discurso de Clausura do Alcalde – 2014
“Medalla da Cidade, Pregoeiro, Viguesas e Vigueses de honra, autoridades, miñas donas e meus señores, Pronto nacerá o día. Se mudarán as estrelas e mañá será de novo o día. Dous séculos despois, a cidade sentirá o orgullo e a súa propia forza. A que nos trouxo ata aquí. A que hai máis de douscentos anos liberounos do invasor. Recuperaremos a maxia que hai un século e medio conduciu aquí, a estas augas, ao inmortal capitán Nemo. E sempre os próceres que foron tecendo a cidade. Vázquez Varela, García Barbón, Policarpo Sanz, ou Martínez Garrido e Blein Budiño. Ou tantos outros que, nos tempos escuros, levantaron a súa voz ao lado dos cidadáns, dos traballadores que ían construíndo a cidade, golpe a golpe, verso a verso, quizais reflectidos hoxe, con moitos outros, na memoria de Pepe Cameselle. É o día de recordo de aqueles que desde os seus barcos querían e se lanzaron á conquista dos mares océanos de todo o mundo. Mariñeiros do “Puente Sabarís”, do “Miriam”, do “Janan”, do Pescapuerta V ou mesmo do Bernardo Alfageme, que pronto estará no corazón da cidade.
Ou os Riera, Muñoz Codina, que bautizados en excelencia na Escola de Enxeñeiros souberon facer do automóbil unha gran sinal de identidade de Vigo.
Muñoz Codina, vigués traballador, que desde a modestia acostuma a dicir que seguimos aí, pero que desde as cadeas de montaxe de Balaídos é quen de competir cos mellores do mundo no automóbil, símbolo da tecnoloxía máis desenvolvida. O noso respecto e admiración.
E os valentes do naval. Todos, todos, desde Barreras ata Metalships, Vulcano, Armón, Freire e Cardama, todos. E ASIME. Todos os traballadores e os empresarios, os técnicos, todos.
Hoxe, en representación do naval, portan a Medalla da Cidade o traballador e o empresario en activo máis antigos do sector de Vigo. Manuel Rodríguez, en Vulcano desde 1971, e Jesús Freire, presidente de Construcciones Navales Paulino Freire.
E os traballadores, nas voces de Sarmiento de Comisións Obreiras; Simón da CIG; e Atanes da Unión Xeral de Traballadores. Con eles, sempre cos traballadores, primeiro para resolver xuntos o tax lease que nos afogaba inxustamente e agora para repuntar. Naval de Vigo, Medalla da Cidade, da cidade noble, leal e valorosa. Forza e honra.
E as institucións, os homes e mulleres, Vigueses e Viguesas, que hoxe reciben a distinción da cidade de Vigo. Colexio Maristas-El Pilar, Vigués Distinguido 2014, por un século na nosa cidade, vendo crecer aos mozos e a Vigo.
O proxecto Seis do Nadal, Vigués Distinguido 2014, na formación integral, coñecemento, cidadanía e deporte.
Dolores Galovart, Viguesa Distinguida 2014, chea de forza, capacidade, en defensa da muller e das causas xustas de Vigo e Galicia.
Josefa Martínez Alonso, Viguesa Distinguida 2014 (título póstumo), na educación, nos movementos cívicos en na defensa das mulleres.
Manuel Mera Sánchez, Vigués Distinguido 2014, dende o naval, dende a defensa dos traballadores, dende as posicións de liberdade.
O Rápido de Bouzas, Vigués Distinguido 2014, un século de deporte, de fútbol e de nobreza nos campos de xogo.
Francisco Javier Pitillas, policía local, Vigués Distinguido 2014, rostro da solidariedade, corazón de cercanía, sensibilidade infinita, pedaleando as estradas da terra. E todos, todos. A Universidade, e cada vez máis en Vigo, a investigación, que desde os montes de Vigo e mirando ao mar foron quen de situarse entre os mellores, e continúan a súa senda, sen descanso nin desmaio. O noso recoñecemento e aplauso.
E aos comerciantes, aos hostaleiros e aos que queren que os nosos visitantes coñezan unha cidade cercana. Aos que cada mañá abren as súas portas e sorrín sabendo que o fixeran xa os seus avós e os seus pais e sempre saíron adiante. A eles o noso ánimo e o noso cariño, porque son eles os que entretecenas costuras da cidade, o saúdo de cada día, e o xesto coa man, ao veciño e desexándolle bo dia. Eles tamén saben que temos que seguir xuntos. A eles a nosa amizade.
E somos Vigo. E queremos a Vigo. E vivimos Vigo. E sabemos que a cidade seguirá a súa venturosa andaina,porque a cidade así o quere. Porque a Reconquista segue aquí, cada día, cada mes, cada ano. Porque vislumbramos a primavera que nos quite desta noite de dor e desventura que nos trouxo esta crise dos especuladores, dos usureiros e dos malvados. E nós, os de Vigo, que sempre seguimos a máxima das mercadorías e do traballo ben feito, estamos a demostrar que podemos seguir facéndoo.
Dependemos de nós, das nosas forzas, do noso traballo. A ninguén lle debemos nada. Por iso son tempos de unidade, de camiñar xuntos, de antepor o ben común cidadá aos intereses particulares. Son tempos de situar a Vigo por diante, de antepor a cidade; e os vigueses e viguesas, defendendo a urbe cada vez que sexa preciso.
Porque queremos que a cidade avance e non se obstaculice. Durante décadas, outros intereses alleos quixeron amosarse prioritarios ou con causa máis xusta. Era o falso interese xeral de Galicia que esixía que os lexítimos intereses de Vigo, localistas os chamaban, deixasen paso a intereses espúreos doutros lugares.
Xa non. Os intereses xerais de Galicia pasan polo Vigo da economía, polo Vigo da solidariedade, polo Vigo da globalización, polo Vigo da eficiencia, polo Vigo que sabe que unido marcará o seu propio destino.
Son o dono do meu destino, son o capitán da miña alma, dicía o poeta.
E Vigo sábeo ben. E xa non tememos ao inimigo porque aprendemos co Ricardo II do inmortal Shakespeare que “o medo quita forza”. E a nosa forza crece; porque atrás queda “a longa noite de pedra”.
E xa nunca máis nos farán crer que Vigo non está no interese xeral. Galicia só camiña se Vigo camiña. Por iso son tempos de seguir xuntos. En torno ás nosas cinco bandeiras, a de Vigo, a de Galicia, a de España, a de Europa e a máis visible de todas, a bandeira a solidariedade cos que menos teñen. É o tempo da unidade. Como hai dous séculos cando na Reconquista todos xuntos clamamos…
Viva Vigo!»