Bando da Reconquista – 2012

Pronunciado por:
Borja Oubiña
Xogador do Real Club Celta de Vigo

«Excelentísimo señor alcalde, autoridades, viguesas e vigueses,

A celebración da Reconquista simboliza a plasmación dos valores que definen a idiosincrasia desta cidade. Vigo é a suma das súas vontades, o resultado dunha sociedade civil que soubo cimentar a súa autonomía e crecemento exponencial sobre a base da constancia, a esixencia e a unión.

O 28 de marzo evoca a vitoria do colectivo sobre a individualidade. O pobo de Vigo elevou a súa ilusión sobre a razón e constatou ante o ata entón invencible exército napoleónico que non existen dificultades insalvables, senón retos apaixonantes; evidenciou que a historia se nutre de pequenos fitos que, axuntados, conforman lendas; rubricou que o futuro está por escribir e está nas nosas mans.

En 1809, Vigo converteuse na primeira cidade española que gañou a súa independencia permanente sobre as tropas napoleónicas, abrindo o camiño que adoptaron o resto de pobos e urbes de Galicia e España. Miles de vigueses e viguesas deron o máximo das súas posibilidades, deixando ao carón as súas diferenzas puntuais, en favor dunha causa común; e cando un o dá todo non está obrigado a máis. É a forza do equipo, a forza de toda a cidade, a que fai posible alcanzar as metas.

Leer máis


Bernardo González, quen naceu para a historia como «Cachamuíña», capitaneou aquel celebrado acontecemento histórico que nos fixo crer e nos transmitiu os valores do sacrificio e a superación como camiño común cara ao éxito. O seu exemplo de onte debe servirnos para calibrar hoxe as dificultades que volveremos sortear. Sen un indicio de conformismo, temos que esixirnos o máximo para recuperar o esplendor da cidade económica e industrial que somos, vencer e convencer a quen dubida de que a automoción viguesa será novamente líder en Europa, gañar a batalla que nos permita dotar de carga de traballo aos nosos estaleiros. Liderar e reconquistar o noso porvir con valentía e ilusión.

Este é a mensaxe que herdamos dos vigueses e viguesas de 1809, o que levamos impreso no noso carácter e esta é a aprendizaxe que legaremos ás futuras xeracións. Aprendemos que a sociedade engloba as nosas causas persoais, que a unión nos concede a capacidade necesaria para crecer, que o esforzo particular non ten sentido sen unha meta común. E iso ten un nome: solidariedade.

A solidariedade, por definición, significa a adhesión á empresa doutros. Hoxe en día, e ante as dificultades que temos que capear pola crise, a nosa causa é reconquistar o emprego e asegurar a cohesión social de todos os cidadáns. Necesitamos altura de miras e perspectiva, non debemos esquecer que non existe empresa competitiva sen traballadores cualificados. De nada servirá o traballo dun se o estado do benestar non suma enteiros.

É este un chamamento á nosa memoria colectiva como vigueses e viguesas. A que é hoxe a nosa batalla xa a libramos satisfactoriamente en numerosas ocasións ao longo da nosa centenaria historia. A bandeira de Vigo recolle a ilusión e o carácter dos seus cidadáns, forxados durante séculos, e reivindica hoxe a cultura do traballo que nos levou a ser primeira cidade de Galicia, a cultura crítica impulsora da roda do noso desenvolvemento, a cultura emprendedora que converteu a Vigo nun lugar inmellorable para vivir.

A incomparable luz de Vigo, que duplica a súa beleza grazas ao espello da súa ría, exerceu sempre de faro á cidadanía viguesa para orientarnos e guiarnos na nosa travesía, para transformar os imposibles en pasado. A luz, que coa súa ría fan a Vigo inigualable, foi orixe e testemuña da creatividade e a fortaleza deste pobo para reinventarse cando foi necesario, partindo da solidariedade e o esforzo común e arribando nos múltiples éxitos da nosa traxectoria como cidade. Isto simboliza para min a Reconquista.

Vigo, e todas as iniciativas que portan o seu nome, leva consigo os valores da Reconquista. Tamén o Real Club Celta de Vigo, emblema da cidade desde 1923, que se acha inmerso na reconquista da máxima categoría do fútbol español, o lugar que por historia lle corresponde; unha tarefa que afrontamos coa coraxe e ilusión coas que os vigueses encaramos e superamos, sempre unidos, os maiores retos.

Esta é unha das pequenas contendas que Vigo libra cada día baixo o manto do seu carácter e historia, desde logo non a máis transcendente, pero si unha que ofrece esperanza e suma optimismo á cidade. O Celta é un dos grandes embaixadores da cidade no exterior e o seu retorno á cima suporá máis visibilidade, nome e presenza viguesa.

A Reconquista infundiunos o carácter necesario aos vigueses e viguesas para que unha urbe eminentemente obreira como a nosa incorporase o deporte, a educación, a cultura e os servizos imprescindibles para o século XXI, onde a calidade de vida impera. Vigo está levantándose e superará estes tempos difíciles porque a solidariedade, o esforzo e o orgullo de cidade figura por encima de todo: os homes e mulleres de 1809 así o deixaron escrito no noso ADN.

Viva Vigo!»