Discurso de Clausura do Alcalde

Discurso do 2015


«Medalla da Cidade, Pregoeiro, Viguesas e Vigueses de honra, autoridades, miñas donas e meus señores,

Vigo, cidade do mar, foi quen de abrir o seu propio camiño de prosperidade a través de séculos e dos avatares da historia.

Vigo foi quen de abrir o seu propio camiño no Vigo das épocas castrexas que hoxe nos observa desde a súa atalaia do Castro, e no Vigo romano, aquela Burbida, que nos abraza desde a vila de Toralla ata as salinas do Areal.

Vigo foi quen de escribir as nosas propias páxinas nas épocas do Vigo románico da Idade Media, coas súas igrexas en Castrelos, Coruxo, Bembrive, con olivares que xa volven a poboar a cidade, e cun incipiente comercio pesqueiro que se botaba a navegar desde a ribeira do Berbés.

Foi tamén no Vigo da Batalla de Rande, das murallas e do Castelo de San Sebastián, no nacemento do comercio e da sardiña, ou na alta Idade Media e nas Ondas do Mar de Vigo que versaba Martín Códax.

Abrimos as portas, as portas no Vigo decimonónico, aquel Vigo que se converteu na primeira praza europea en liberarse de xeito permanente da invasión napoleónica; e tamén no Vigo do crecemento portuario, das comunicacións marítimas con América, do primeiro ferrocarril, das incipientes factorías de salazón e produtos de mar; aquela cidade que en 1880 fundaba a súa Caixa de Aforros de Vigo que tanto e tan bo papel xogou na cidade.
Leer máis


Abrimos vías ao desenvolvemento no Vigo do século vinte, que naceu ao abrigo das Illas Cíes con 15.000 habitantes e arribou con 300.000 vigueses e viguesas de hoxe, orgullosos da súa cidade moderna e innovadora, da cultura, do deporte, da economía e da internacionalización activa e solidaria, do Vigo acolledor, do Vigo solidario que máis atenden aos que máis o necesitan e que todos e todas queremos.

Vigo esquiva os silencios interesados do relato secular e reivindica o que somos: unha cidade con historia, con prolífica e dilatada traxectoria, erguida pola vontade, responsabilidade e autonomía dos vigueses e das viguesas.

Entón e agora, Vigo foi quen de definir o seu destino, de librar e saír vencedor das súas causas xustas, antes contra os ataques dos piratas turcos ou do mesmo Francis Drake, contra a invasión napoleónica e hoxe e sempre contra a inxustiza, o desemprego, a desigualdade. Hoxe e sempre, en contra da inxustiza e da desigualdade.

O bo facer dos vigueses e das viguesas, o seu esforzo e talento, a súa capacidade de emprendemento e o compromiso co desenvolvemento de Vigo, na Galicia que queremos, que marcaron e marcan cada unha das distintas etapas históricas que Vigo superou con notable éxito, e debuxan o paso co que seguir progresando ata ocupar o espazo que nos correspondeu, corresponde e correspondería na nova Galicia e na nova España.

Son rasgos que forman parte da cultura viguesa, pegadas no noso camiño, sucos na terra e estelas na mar, vocación inconformista, carácter loitador e solidario. Porque Vigo, agora máis solidaria que ningunha cidade de España.

A historia de Vigo atopámola reflectida en poboados castrexos, vilas e salinas romanas, en igrexas románicas, en castelos e infraestruturas, na nosa cultura, no noso porto de Vigo, nas factorías de conservas e de automoción, no noso corazón e na nosa alma.

Mais tamén observamos Vigo nos ollos de homes e mulleres que aglutinan os ensinos do pasado e as virtudes do presente, a solidariedade e o emprendemento, o verde e o azul, persoas, a montaña e o mar, persoas que coa súa voz e obra definen o noso porvir no novo século como cidade puxante en Galicia e España.

E con Vigo, sempre as xentes.
Ventura Pérez Mariño, pregoeiro, figura das ideas e da cultura, alcalde de Vigo, traballador incansable pola nosa cidade, home xusto e da xustiza, aplicándoa desde a maxistratura e nos xulgados e tamén na labor social que hoxe desempeña en contra da desigualdade, en favor da cohesión social, en favor das familias máis castigadas pola dureza desta crise asasina.

AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia, Vigués Distinguido 2015, con máis de vinte anos de traxectoria levando luz ás conciencias, calor e estímulo aos enfermos e aos seus familiares e amigos.

Carlos Mañas, Vigués Distinguido 2015, vigués de elección, mestre na publicidade e no marketing dentro e fóra das aulas, escritor, pero sobre todo activista social a prol da tolerancia e da solidariedade.

Emilio Suárez, Vigués Distinguido 2015, dominico e glosado polos seus propoñentes como loitador desde a década dos 70, loitou polos dereitos e liberdades dos cidadáns.O Irmán José Bailón, Vigués Distinguido 2015, vigués de vocación, xesuíta, que abre camiños desde a educación, desde os comedores escolares, facilitando a cobertura das necesidades básicas e as oportunidades dos máis pequenos.

O Hospital Meixoeiro de Vigo, Vigués Distinguido 2015 no seu vixésimo quinto aniversario, centro chamado entón a paliar o crónico déficit asistencial da área de Vigo, hospital que hoxe emprega a tantos magníficos profesionais da sanidade, sempre comprometidos coa atención e benestar de toda a cidadanía.

E a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Vigués Distinguido 2015, paraugas baixo o que todos e todas nos sentimos amparados, exemplo de loita xusta por unha asistencia sanitaria pública e de calidade, de todos e para todos.

Vicente Allo e Vanesa Lage, Vigueses Distinguidos ano 2015, Vanesa tristemente a título póstumo, que deixan a vida na defensa dos cidadáns de Vigo. A Vicente e Vanesa, pola súa xenerosidade e heroismo, e por todos aqueles que elevan cada mañá a bandeira do servizo público. De corazón, no meu nome propio e no de todos os vigueses e viguesas, grazas.

Os Vigueses Distinguidos en 2015 aglutinan virtudes sobresaíntes que merecen o recoñecemento da súa cidade. Todos e todas exemplifican os valores históricos e propios de Vigo, homes e mulleres nos que poder identificarnos e identificar os camiños que transitar unidos para seguir construíndo o Vigo do presente e do futuro, o Vigo que queremos.

E ahí, neste importante papel, temos ao noso lado ás empresas do sector da automoción, Medalla da Cidade 2015, cos seus milleiros de traballadores e traballadoras á fronte, facendo de Vigo a referencia nacional e internacional nun área económica central no mundo globalizado do século XXI.

As factorías viguesas xurdiron baixo a aparición da planta de Balaídos de PSA Peugeot Citroën, e mais souberon cos anos e a experiencia lograr a excelencia necesaria para diversificar e ser competitivos internacionalmente.

E a puxanza internacional da fábrica viguesa de Citroën ten o futuro garantido grazas a todo o apoio de toda a cidade prestou. Este liderado vigués na automoción española e europea, consolidado durante décadas e con tanto ou máis futuro por diante, arraiga na cultura viguesa, na do cluster do emprendemento, da autonomía e da responsabilidade.

Responsabilidade, emprendemento e autonomía; compromiso, talento e solidariedade. Liñas que vehiculan o Vigo de onte, o de hoxe e o de mañá; esencias dos Vigueses Distinguidos de onte, hoxe e mañá.

Camiños percorridos e por percorrer, os de todo Vigo, os de todas e todos as viguesas e vigueses. Distinguir ás nosa figuras, defender os nosos valores, desde Vigo para Galicia.

Reivindicar o noso pasado para revalorizar o noso presente e impulsar o noso futuro. O de todo Vigo. Con responsabilidade e con determinación.
Temos superado na historia enormes dificultades e afrontamos por diante retos maiúsculos que, coa forza dos nosos valores, e unidos, sempre unidos, superaremos unha vez máis.

Vigo, historia feita, historia por facer.

Viva Vigo!»


Discurso do 2014


“Medalla da Cidade, Pregoeiro, Viguesas e Vigueses de honra, autoridades, miñas donas e meus señores, Pronto nacerá o día. Se mudarán as estrelas e mañá será de novo o día. Dous séculos despois, a cidade sentirá o orgullo e a súa propia forza. A que nos trouxo ata aquí. A que hai máis de douscentos anos liberounos do invasor. Recuperaremos a maxia que hai un século e medio conduciu aquí, a estas augas, ao inmortal capitán Nemo. E sempre os próceres que foron tecendo a cidade. Vázquez Varela, García Barbón, Policarpo Sanz, ou Martínez Garrido e Blein Budiño. Ou tantos outros que, nos tempos escuros, levantaron a súa voz ao lado dos cidadáns, dos traballadores que ían construíndo a cidade, golpe a golpe, verso a verso, quizais reflectidos hoxe, con moitos outros, na memoria de Pepe Cameselle. É o día de recordo de aqueles que desde os seus barcos querían e se lanzaron á conquista dos mares océanos de todo o mundo. Mariñeiros do “Puente Sabarís”, do “Miriam”, do “Janan”, do Pescapuerta V ou mesmo do Bernardo Alfageme, que pronto estará no corazón da cidade.

Ou os Riera, Muñoz Codina, que bautizados en excelencia na Escola de Enxeñeiros souberon facer do automóbil unha gran sinal de identidade de Vigo.

Muñoz Codina, vigués traballador, que desde a modestia acostuma a dicir que seguimos aí, pero que desde as cadeas de montaxe de Balaídos é quen de competir cos mellores do mundo no automóbil, símbolo da tecnoloxía máis desenvolvida. O noso respecto e admiración.

Leer máis


E os valentes do naval. Todos, todos, desde Barreras ata Metalships, Vulcano, Armón, Freire e Cardama, todos. E ASIME. Todos os traballadores e os empresarios, os técnicos, todos.

Hoxe, en representación do naval, portan a Medalla da Cidade o traballador e o empresario en activo máis antigos do sector de Vigo. Manuel Rodríguez, en Vulcano desde 1971, e Jesús Freire, presidente de Construcciones Navales Paulino Freire.

E os traballadores, nas voces de Sarmiento de Comisións Obreiras; Simón da CIG; e Atanes da Unión Xeral de Traballadores. Con eles, sempre cos traballadores, primeiro para resolver xuntos o tax lease que nos afogaba inxustamente e agora para repuntar. Naval de Vigo, Medalla da Cidade, da cidade noble, leal e valorosa. Forza e honra.

E as institucións, os homes e mulleres, Vigueses e Viguesas, que hoxe reciben a distinción da cidade de Vigo. Colexio Maristas-El Pilar, Vigués Distinguido 2014, por un século na nosa cidade, vendo crecer aos mozos e a Vigo.

O proxecto Seis do Nadal, Vigués Distinguido 2014, na formación integral, coñecemento, cidadanía e deporte.

Dolores Galovart, Viguesa Distinguida 2014, chea de forza, capacidade, en defensa da muller e das causas xustas de Vigo e Galicia.

Josefa Martínez Alonso, Viguesa Distinguida 2014 (título póstumo), na educación, nos movementos cívicos en na defensa das mulleres.

Manuel Mera Sánchez, Vigués Distinguido 2014, dende o naval, dende a defensa dos traballadores, dende as posicións de liberdade.

O Rápido de Bouzas, Vigués Distinguido 2014, un século de deporte, de fútbol e de nobreza nos campos de xogo.

Francisco Javier Pitillas, policía local, Vigués Distinguido 2014, rostro da solidariedade, corazón de cercanía, sensibilidade infinita, pedaleando as estradas da terra. E todos, todos. A Universidade, e cada vez máis en Vigo, a investigación, que desde os montes de Vigo e mirando ao mar foron quen de situarse entre os mellores, e continúan a súa senda, sen descanso nin desmaio. O noso recoñecemento e aplauso.

E aos comerciantes, aos hostaleiros e aos que queren que os nosos visitantes coñezan unha cidade cercana. Aos que cada mañá abren as súas portas e sorrín sabendo que o fixeran xa os seus avós e os seus pais e sempre saíron adiante. A eles o noso ánimo e o noso cariño, porque son eles os que entretecenas costuras da cidade, o saúdo de cada día, e o xesto coa man, ao veciño e desexándolle bo dia. Eles tamén saben que temos que seguir xuntos. A eles a nosa amizade.

E somos Vigo. E queremos a Vigo. E vivimos Vigo. E sabemos que a cidade seguirá a súa venturosa andaina,porque a cidade así o quere. Porque a Reconquista segue aquí, cada día, cada mes, cada ano. Porque vislumbramos a primavera que nos quite desta noite de dor e desventura que nos trouxo esta crise dos especuladores, dos usureiros e dos malvados. E nós, os de Vigo, que sempre seguimos a máxima das mercadorías e do traballo ben feito, estamos a demostrar que podemos seguir facéndoo.

Dependemos de nós, das nosas forzas, do noso traballo. A ninguén lle debemos nada. Por iso son tempos de unidade, de camiñar xuntos, de antepor o ben común cidadá aos intereses particulares. Son tempos de situar a Vigo por diante, de antepor a cidade; e os vigueses e viguesas, defendendo a urbe cada vez que sexa preciso.

Porque queremos que a cidade avance e non se obstaculice. Durante décadas, outros intereses alleos quixeron amosarse prioritarios ou con causa máis xusta. Era o falso interese xeral de Galicia que esixía que os lexítimos intereses de Vigo, localistas os chamaban, deixasen paso a intereses espúreos doutros lugares.

Xa non. Os intereses xerais de Galicia pasan polo Vigo da economía, polo Vigo da solidariedade, polo Vigo da globalización, polo Vigo da eficiencia, polo Vigo que sabe que unido marcará o seu propio destino.

Son o dono do meu destino, son o capitán da miña alma, dicía o poeta.

E Vigo sábeo ben. E xa non tememos ao inimigo porque aprendemos co Ricardo II do inmortal Shakespeare que “o medo quita forza”. E a nosa forza crece; porque atrás queda “a longa noite de pedra”.

E xa nunca máis nos farán crer que Vigo non está no interese xeral. Galicia só camiña se Vigo camiña. Por iso son tempos de seguir xuntos. En torno ás nosas cinco bandeiras, a de Vigo, a de Galicia, a de España, a de Europa e a máis visible de todas, a bandeira a solidariedade cos que menos teñen. É o tempo da unidade. Como hai dous séculos cando na Reconquista todos xuntos clamamos…

Viva Vigo!»


Discurso do 2013


«28 de marzo, a primaveira. Foran mil primaveiras máis que cantara cunqueiro. Esta é a primaveira da reconquista, da reconquista de vigo. Do avance da cidade que dende todas as súas gargantas xunta a súa voz. Cada ano atendendo a cidade e as suas xentes.

Cada ano para encontrarnos e unir forzas, mesmo para rendir homenaxe aos vigueses de honra. Outras reconquistas foron antes de nós. en demanda da liberdade, da dignidade e do orgullo de hai máis de dous séculos.

E foron antes tamén cando eiquí, no garcía barbón, falabamos da pesca, do automóbil, do mar e dos barcos, e así tantos e tantos feitos que nos ocuparon. E sempre fomos quen de atopar a nosa vía, a nosa resposta, o noso camiño, como estelas vivas que surcan a ría, quizais na búsqueda dos grandes mares.

E adiantandonos sempre, cada día, ó sol que se pon entre as illas cíes contorneadas no horizonte do poñente.
E hoxe de súbito, navegamos no medio desta crise asasina e cruel, que trouxo a miseria, a insolidariedade e o desemprego. Máis grave que nunca. Esta crise que trouxo os recortes, o temor e a angustia do desemprego a tantos e tantos fogares.

Pois eiquí, agora, nesta primaveira, nas estelas na mar, con machado, con otero pedraio, verso a verso, paso a paso, Vigo, máis unido que nunca, procede a levantar a súa voz contra os recortes, contra a depresión económica, contra as rebaixas na sanidade pública, na educación. Contra os que atentan contra os dereitos dos traballadores. Contra os que se apoderan dos aforos das familias con argumentos falaciosos, xa sexa en vigo, en galicia ou en chipre. Queremos levantar a nosa voz contra os desafiuzamentos que condenan a familias desgraciadas polo desemprego que se quedan na rua.

Leer máis


Queremos levantar a nosa voz contra esta insolidariedade dunha europa, asi non querida, que se define dunha parte con merkel e doutra con tantos paises que sofren.

É eiquí onde está a nosa reconquista. con máis forza que nunca, con máis unión que nunca. É a nosa firme determinación, a da cidade de vigo, na procura do noso emprego, na industria do automóbil e no naval. E na pesca, a de tantos frigoríficos e armadores. Sucesores de aqueles patróns que, cheos de ousadía e vocación de mar, se lanzaron a surcar todos, todos os mares e océanos.

Unidos na búsqueda de emprego no porto, na hostalaría, no turismo. Ou na búsqueda de impulso no comercio, estes valientes que cada mañá abren as suas portas e se unen aos cidadáns no camiño, na mar ou nas rúas da cidade.

E neste camiño queremos recoñecer aos que atenden a cidade. á asociación viguesa contra o cáncro, pola súa entrega, pola súa alma grande, pola súa man tendida a todos os que padecen esta terrible enfermidade. E elas e eles apoian, ofrecen a sua amizade. E á asociación viguesa contra o cáncro, e aos que padecen ou padeceron a enfermidade, e aos seus familiares, a todos eles, a medalla da cidade.

E a pregoeira, dona carmen navarro fernández-balbuena, muller excepcional, na vocación da investigación na ciencia médica, na cercanía das doenzas das persoas, un nome que se coñece nos mais relevantes hospitais do mundo. Exemplo de viguesa un dia afincada eiquí, e enseguida viguesa universal.

E ó poeta, o rapsoda que canta ás rúas de vigo nos seus poemas eternos. A don carlos oroza. Vigués distinguido.

Ao maxistrado, decano, quen aplicara a xustiza dende a sabiduría e a capacidade. Recoñecido por tantos xuices de toda españa. don antonio romero, vigués distinguido.

E á mediciña, especialista, gran investigador, na calidade e na atención humanizada. Don gumersindo espiña, vigués distinguido.

E 150 anos, século e medio, de ensino nos observan, agora dende a colina cara a maría berdiales e o mar. Sempre desde o corazon de tantas viguesas/es. O colexio da enseñanza, vigués distinguido.

E quen dende o deporte, o balonmán, e o empeño en robustecer o impulso para que xeracións e xeracións de mozos garden o seu espírito de equipo e de cidade. Antón piñeiro, vigués distinguido.

E tantos e tantos que dende o asociacionismo veciñal tanto fixeron pola cidade. Persoas, Gregorio en valladares, Cándido no casco vello, Valentín en sárdoma, Boullosa en sampaio ou Bustos, pais e tantos outros na favec. Por iso, a federación de asociacións de veciños eduardo chao, vigués distinguido.

E cincuenta anos na procura do deporte, da música, das corais, da sensibilidade e acción de grupo. Cincuenta anos, medio século de bo facer. A sociedade cultural e deportiva atlántida de matamá, vigués distinguido.

E seguiremos, nós, os vigueses propoñendo e executando. Creando sonos e facéndoos realidade. E todos camiñando. E o monte alba saudando ó día cada amañecer e as cíes dándolle a despedida no seu camiño ata a catarata medieval da fin do mundo que devoraba as naves que se atrevían.

E Vigo atreveuse e continúa atravéndose, porque o noso é facernos fortes cando máis o necesitamos. E así seguiremos, nas mil primaveiras. E eiquí nos reuniremos cada ano, cando as laranxas deixen paso ó estío, escoitando ós rumorosos saudando ó mar. Eiquí estaremos. Todos xuntos.»


Discurso do 2012


«É a ría a que nos une. E o mar o que nos da a vida. Son as ondas do mar de Vigo, a poesía e a música do poeta, de Martín Códax que poñen vida onde está a vida, que sinala cercanía, onde hai lembranzas, que marca a ruta nos tempos de bonanaza e tamén nos tempos de bruma.

Ondas do mar de Vigo, se viste o meu amigo, ai! Se verra cedo…
Son a cidade e o territorio cercano, aos que cantara o poeta. O norte e o sur da ría, e aí estará o noso futuro. Nestes tempos difíciles, a área metropolitana segue a ser o espazo de referencia vigués.

E tempo de unidade, de cooperación, de marcha conxunta. E o tempo de poñer por diante os intereses xerais e de antepoñelos a calquera interese particular, por moi lexítimo que poida ser. Son tempos de altura de miras, de horizontes amplos.

É o tempo dun novo estilo. O de confrontar co verdadeiro e único inimigo, a crise, a crise voraz e maligna que nos asola. A crise que como un leviatán asolador está a calcinar o presente e o futuro.

Leer máis


Porque as baleas de ferro xa non saen dos asteleiros do borde do mar de Vigo. Porque os novos automóviles que sustituíran a aqueles carros da antigüidade están a ser fabricados con maior cadencia e en menor número. Porque aqueles e estes traballadores e traballadoras tan capaces que asombraran ó mundo coa sua laboura, non atopan agora tarefa. E a pesca que sempre estivo connosco, a través da historia, segue no Vigo do presente, sendo a base que aguanta a singladura.

E o mundo, o mundo de Europa, o mundo das américas e o mundo da Asia, non adiviña o final da crise asasina e teimuda na súa tarefa destructiva. Por iso son tempos novos, tempos de unidade, de cooperación, de traballo conxunto. Son tempos de cooperación de administracións, de cooperación de todas as forzas políticas, de cooperación coas institucións privadas. É tempo dunha nova reconquista que aúne os esforzos de todos. A reconquista da saída da crise.

Todos xuntos na procura de solución para o naval. Unión para que desde a vella e nova Europa entendan que o Tax lease é un paso de xustiza. E todos xuntos o temos que reclamar.

E é tempo de seguir no apoio ao Porto de Vigo, grande motor de crecemento e prosperidade do mesmo Vigo, pero tamén de toda Galicia. E forma parte do acervo cultural e económico da vella e da nova Galicia, que foi este porto, este grande porto o que fixou as rutas da tristeza da emigración, certo é, pero tamén das rutas da prosperidade. E todos xuntos temos que dicir que é o porto europeo máis importante da pesca, do automóvil, do granito.

E xuntos para apoiar ao automóvil que desde Vigo atende tantos mercados do mundo. De automóviles fabricados e de compoñentes coa maior tecnoloxía que se incorporan a tantos e tantos automóviles do mundo. O automóvil vigués que fixo o grande prodixio, milagre para uns, de que pezas ou mesmo automóviles enteiros, en todo o mundo leven a marca de Vigo.

E xuntos para apoiar as modernas pousadeirías, núcleo dun sector hostaleiro e turístico preparado para dar acomodo a todos os nosos visitantes ou todos os vigueses, que modernos cidadáns, o demanden.

Esa é a nova reconquista. Antes contra os invasores do exército do Napoleón, hoxe unha máis importante, se cadra, e igualmente urxente. Unha nova reconquista contra a crise. E igual que fai dous séculos, hoxe, todos unidos, ao modo de Carolo, de Cachamuiña, do Abade de Valladares….

O 28 de marzo de 1809 os vigueses fomos quen de mostrar o moito que somos capaces de facer como pobo. Hoxe, o 28 de marzo de 2012, o estamos demostrando de novo. Porque sairemos da crise, fabricaremos novos buques, manteremos a nosa pesca e máis e máis automóviles percorrerán as rutas deste novo e globalizado mundo.

Temos forza, capacidade e tesón. E temos que sumar a unidade. Unidade para a recuperación, unidade en Vigo, unidade dos territorios da ría que cantara Mendiño.

Vigo foi a primeira cidade española que gañou a súa independencia permanente sobre as tropas napoleónicas. Pero a Reconquista é para nós moito máis. Centos de vigueses e viguesas saíron á rúa aquel día con moitas ilusións e poucas armas para combatir unha situación política inxusta. E deron mostra de que Vigo é imparable.

O paso dos anos e dos séculos cambiou moitas cousas nas nosas vidas, pero non mudou aquel espíritu. O espíritu e orgullo de cidade. Dun territorio que é capaz de crecerse cando as circunstancias llo esixen.

Aí, paseando Vigo, saíndo das vellas murallas, na confluencia de Urzáiz e da Gran Vía, a obra dun grande artista descríbenos aos vigueses. Sete mariñeiros coa forza do seu carácter e coa unión da vontade, todos xuntos, pulan da rede do sustento. Son a forza da unión, a robustez do tesón. E aí seguen, ano tras ano, para alzar a súa voz muda, inmensamente sonora, nunha chamada á unión, á solidariedade, á cooperación.

Con convicción, ilusión e moito traballo. É a forza da cidadanía, do colectivo.

Esa foi a mensaxe da Reconquista que ficou impresa na nosa identidade e que vai pasando de pais e fillos.

Falar de Vigo é falar de solidariedade. Ninguén mellor que nós coñece o significado desta palabra.

O día da Reconquista é unha chamada a memoria colectiva, a lembrar que ao longo da nosa centenaria historia xa libramos moitas batallas. O carácter emprendedor de Vigo está cheo de ilusión e de gañas, froito do optimismo da razón e do coñecemento. Un optimismo realista que ven avalado polo devenir da historia nesta cidade. Nestes mimbres cimentou Vigo o seu liderazgo ao longo de décadas e así debe asentar as perspectivas do seu futuro.

En Vigo pódese falar de solidariedade con letras maiores. Tendendo a man a todos e cada un dos vigueses nestes momentos difíciles. Con traballo, se podemos, e con cercanía sempre, e que ninguén quede no camiño. Axuda, respecto e dignidade.
Cada conveciño no paro, cada traballador, cada emprendedor, cada autónomo ou cada empresa son un motivo para seguir camiñando, con sacrificio, pero sen desánimo. Todos xuntos, facendo economía, facendo cidade.
Ese traballo a prol do colectivo foi precisamente, alá por 1988 a orixe dos «Vigueses Distinguidos», uns galardóns que naceron para recoñecer o labor de persoas e institucións que desde distintos ámbitos traballan pola cidade.

Si en 1988, a primeira Medalla da Cidade a recolleu a familia do gran benefactor de Vigo Francisco Fernández del Riego, hoxe, con non menos mérito, recolle o testigo o Museo Quiñones de León, cando cumpre 75 anos de vida. Cunha das mellores coleccións permanentes de pintura galega e salas de arqueoloxía de referencia, está ubicado nun dos pazos arquitectónicamente máis sobresaíntes de Galicia. Este galardón quere poñer en valor a cultura, a aposta decidida desta cidade por manter e preservar a súa historia e a súa riqueza artística. En Vigo cultura e industria conviven en armonía desde o comezo dos tempos.

Traballo solidario e desinteresado que desenvolven en Vigo moitas persoas e institucións.
E se hai algunha acción que non se conciba desde a individualidade é a loita contra a droga. Así naceu Alborada en 1982. Décadas de traballo para mellorar a vida dos pacientes, das súas familias e da sociedade en xeral, inicidindo especialmente no eido da prevención.
E Bertila Fernández Pérez, firme defensora do ensino público de calidade que permita garantir a formación integral en igualdade de condicións. Vinte anos velando pola convivencia e diálogo entre pais, nais e docentes. A súa forza ven de familia, porque vaime permitir recordar que é tataraneta dun participante na defensa da cidade na invasión francesa.

E Enrique Landesa Macías. Soldador de profesión, ponte entre o seu Teis e a súa vida en Coia. Loitador social incansable, o parque da Bouza o lembra cada amañencer.

E de novo a educación, na modernidade, na pedagoxía formadora e igualitaria, anclada na lingua. Escola Rosalía de Castro, con medio século de traxectoria e docencia. Unha fábrica de pensamentos onde a razón e a tolerancia son as bases da aprendizaxe.

O Padre Carlos Olivares Mozo. Adicou grande parte da súa vida as persoas con déficits sensoriais. Home cheo de solidariedade e forza na procura do ben.

E Paulino Freire Gestoso. Anos de adicación a Bouzas, pescador de lumes cheos de luz, cazador de tradicións, vixiante do progreso respectuoso coa ría, industrial de estirpe familiar. Creador de mitoloxías, de ideas, e boucense-vigués de solera. Bo amigo, nadando ao lado do Cristo de Bouzas e do Cabaleiro das Cunchas.

E O Xatcoveo, no mundo das telecomunicacións, que dende o Campus das Lagoas, puxo a Vigo no mundo da vangarda das tecnoloxías. Tres nomes, Javier Comesaña, Alberto González e Alfredo Giménez que, baixo a coordinación de Fernando Aguado, encabezando un equipo de máis de cen investigadores, conseguiron co seu traballo un posto de excepción para a Universidade de Vigo.

E o autor do bando, Borja Oubiña, deportista referencial, exemplo de tesón, traballo, capacidade excepcional e humildade. Home que leva o nome do deporte vigués por todos os campos do mundo.

Todos estes «Vigueses Distinguidos» representan a idiosincrasia da cidade. A fortaleza do traballo individual e colectivo pensando por e para a cidade. Todas e cada unha destas persoas son a mostra dun Vigo tolerante, diverso e solidario onde todos sumamos.

Este é o camiño que a diario recorremos todos xuntos. O camiño do futuro que todos e cada un de nós temos nas nosas mans.

Grazas a todos e noraboa».


Discurso do 2011


«O orgullo, a ilusión e o carácter moveron esta cidade desde os seus albores como pequena vila de mar. Eses foron tamén os valores do Vigo da Reconquista, aquel pobo empeñado en continuar coa súa andadura independente, sen imposicións; o primeiro pobo de España que botou ó exército napoleónico, e de ahí ser recoñecidos como Cidade.

O orgullo, a ilusión e o carácter das xentes de Vigo nos dous últimos séculos levaron á cidade a encabezar Galicia, en economía, na industria, en emprego no peso financeiro, e mesmo en poboación. Vigo, nacida cara aos océanos, pronto convertiuse na cidade de acollida de mulleres e homes chegados de tódolos lugares da rosa dos ventos de galicia. E dende ahí có traballo de todos, exportando a todo o mundo, e sendo cidade da innovación e do talento.

O orgullo, a ilusión e o carácter marcaron durante décadas o rumbo de Vigo para escoller o seu futuro, que resultou ser unha historia fructífera, un presente vivo do que nos enorgullece e un futuro apaixoante que construiremos entre todos.

Os logros, a nosa fortaleza como cidade da economía e dos servizos, nos sitúa nunha favorable posición para debuxar o Vigo do século XXI, o Vigo da cultura, do deporte, dos barrios e das parroquias, da solidariedade, do benestar, da creación artística. O Vigo das luces.

Leer máis


E ese futuro pasa por superar o reto inmediato que nos plantexa a crise profunda, que feriu a economía e as persoas. E é agora cando debemos volver a sacar todo o noso orgullo, a nosa ilusión e, sobre todo, a forza. Detrás a experiencia señala a senda.
A crise supérase partindo da forza de cada un e da forza conxunta de toda a cidade, a fortaleza que nos concede a nosa historia como cidade libre e emprendedora.

O futuro inmediato de Vigo atópase na nosa unión. Debemos aunar esforzos e entablar alianzas que nos permitan camiñar xuntos, dando pasos firmes cara ó emprego, á atención social, á economía, á industria, ó benestar. Son tempos de sumar e de crear, non de destruír, e de restar.

Así cimentou Vigo o seu liderazgo ó longo das décadas e así debe asentar as bases para a saída da crise, para a consolidación do futuro prometedor que encaramos.

O orgullo é a nosa carta de presentación ante a crise e ante o futuro, a ilusión é a nosa enerxía, e o carácter, o noso aval.
Coñecemos a nosa exitosa historia de autonomía e independencia, definida polo empeño dos vigueses e das viguesas. Hoxe máis que nunca é vital rescatar estes valores e tirar da nosa economía hacia adiante. Sabemos facelo. Xa o fixemos.

E neste traxecto está o Vigo de 2011, un Vigo fermoso, máis humano e sostible, máis verde e plural, máis social e solidario.

Esta transformación tamén impulsa a economía, xerando emprego, apostando polos nosos sectores económicos estratéxicos, facendo cidade para os que aquí vivimos e para os que nos visitan.
Porque agora, os emprendedores e as empresas amosan esta nova cidade aos seus clientes; e os cidadáns estamos orgullosos de amosala aos nosos familiares e aos visitantes.

Este gran cambio da cidade nos últimos anos só foi posible pola acción e a convicción dos vigueses e das viguesas, polo seu tesón e pola súa unión, pola coraxe e paixón que demostrades cada día.

Eses son os mimbres que temos que empregar para recuperar a nosa economía, para crear emprego, para aferrarnos ao futuro que decidamos.

Cada persoa no paro, cada traballador e traballadora, cada autónomo, cada comercio, cada pequena, mediana ou gran empresa, é unha chamada ao orgullo, a ilusión e ao carácter para seguir facendo camiño ao andar. Con sacrificio pero sen caer no desánimo, facendo economía, facendo Vigo. Así está e estará descrito nas páxinas da historia.

Froito desta conciencia común naceron, fai máis de vinte anos, as distincións aos Vigueses Distinguidos, persoas e institucións que traballaron a prol da cidade, encarnando os valores históricos de Vigo en toda a súa dimensión, cidadáns que son exemplo para todos e todas.
Desde 1988, tal e como reza o texto, o Vigués Distinguido é «sobresaínte ao longo das súas vidas polas virtudes urbanas ou polo seu quefacer profesional». Por entón, a Medalla da Cidade foi concedida á familia de Francisco Fernández del Riego, gran benefactor de Vigo e Galicia, virtuoso exemplo no persoal e no profesional, que faleceu recentemente.

Hoxe, en 2011, temos o privilexio de distinguir coa Medalla da Cidade á Federación de Comercio de Vigo, entidade que reúne a preto dun milleiro de pequenos e medianos comercios que impulsan có seu esforzo a cidade de servizos.

É de recoñecer o sacrificio e a ilusión destes emprendedores para adaptarse aos tempos, capear a crise e seguir xerando actividade económica e postos de traballo.

Enmarcados en Fecovi, as asociacións de Travesas, Bouzas, Teis e Calvario, o sector ten visibilidade, atención e protección ás súas necesidades, e iniciativas e proxectos para mellorar o negocio e o servizo que ofrecen aos veciños e veciñas. A través da Federación de Comercio de Vigo, Medalla da Cidade 2011, os comerciantes afrontan con nobleza e viguismo a atención a cada cliente, a cada persoa. Ahí si que importan as persoas.

O Club Maniotas, Vigués Distinguido en 2011, leva 25 anos formando á elite galega e española de ximnastas, cunha decidida aposta polo deporte de base vigués. Centos de nenas e xóvenes aprenderon e aprenden alí os valores da deportividade, da constancia e o necesario esforzo para acadar os retos que se propoñan.

A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, Vigués Distinguido en 2011, suma a forza de cada un para o colectivo, aunando aos federados. Cultura, ocio e deporte danse cita en Vigo a través da Agrupación, que os aglutina e difunde en favor dos vigueses e das viguesas.

O Banco de Alimentos de Vigo, Vigués Distinguido en 2011, encarna a solidariedade e xenerosidade da cidadanía viguesa. Cubre necesidades básicas daqueles que o necesitan. O fan realidade, voluntarios e voluntarias sen máis material que o seu tempo nin máis recursos que a súa ilusión por construír un Vigo mellor e máis igualitario.

Cipriano Jiménez Casas, Vigués Distinguido 2011, ofrece a súa formación, coñecementos e profesión á disposición da cidadanía viguesa. Jiménez da voz ao sector da psiquiatría e amplifica as demandas dos que máis o precisan, hoxe presidindo Autismo Galicia, pero moito antes en diversas institucións relacionadas cós máis necesitados; e sempre coa solidariedade, paixón e constancia inquebrantables.

A Asociación de Directores de Colexios Públicos de Vigo, Vigués Distinguido en 2011, congrega aos responsables na cidade dun dos símbolos do noso estado do benestar: a educación pública, a educación de todos. Os directores/as públicos velan pola igualdade que entraña unha educación de calidade, pública, gratuíta, que defende con firmeza o público, para que tódolos nenos/as afronten a autorrealización persoal e a inserción laboral coas garantías dunha ensinanza de calidade e igualitaria.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Vigo, Vigués Distinguido en 2011, leva anos loitando por un gran pilar do benestar: a sanidade pública e de calidade para todos. Colectivos sanitarios, veciñais ou de consumidores uníronse para que a asistencia sanitaria de Vigo sexa de calidade, pública e cós estandars sanitarios que a cidade demanda, permaneza intacta a súa universalidade e para que a saúde, só entenda de persoas e non de outras razóns.

A Unión Musical de Valadares, Vigués Distinguido en 2011, leva máis de 100 anos achegando a música á cidadanía, levándoa ás rúas, ás prazas, ás persoas de Vigo.
A banda perpetúa e enriquece a cultura musical viguesa, é un grande signo de identidade, e difúndea máis aló das nosas fronteiras. A súa ilusión e bo facer durante décadas levoulles a ser merecedores do Premio Nacional de Bandas de Música de 2010. Realidade de talento e de dirección.

Os Vigueses Distinguidos son exemplos vivos da fortaleza e de carácter, a forza do individuo e da colectividade, o poder de definir a senda, e de percorrela.

Todos eles recollen o legado das máis dun centear de persoas, colectivos e entidades que, desde fai décadas, foron merecedoras dunhas distincións coas que a cidade quere homenaxear traxectorias persoais e profesionais que teñen a Vigo como denominador común.
Un Vigo diverso e capaz, un Vigo global e internacionalizado, un Vigo da economía e da calidade de vida, un Vigo de solidariedade.

Un Vigo que, como os seus cidadáns, ten diversidade de paisaxes e infinitas posibilidades. O Vigo da economía produce cultura e deporte, o Vigo do comercio propaga innovación e valor engadido, o Vigo dos idiomas fala de automóbiles e barcos, o Vigo da industria fabrica turismo e sostenibilidade; o Vigo verde de hoxe ofrécenos unha paisaxe de traballo, esforzo e ilusión. O Vigo laborioso enraiza a cultura.
Dende os albores do pobo vigués ata a actualidade, esta paisaxe nos sinala como unha cidade, con capacidade para superar dificultades, embarcada na travesía cara un futuro mellor, máis próspero e igualitario.

Precisamos do máximo esforzo individual e colectivo de todo Vigo para seguir avanzando. Temos sentadas as bases para superar o bache da crise e progresar na boa dirección, para saír fortalecidos.

Reclamamos hoxe dos vigueses e das viguesas aquelo que nos convertíu nunha gran cidade: o orgullo que nos levou a escribir algunhas das mellores páxinas da historia, a ilusión coa que emprendemos todos os retos e esperanzas, e o carácter que nos garantiu alcanzar as nosas metas.»